19.3.08

O retrato de Eliseo Alonso II

 


Unha cortina branca, curta e bordada por baixo á maneira portuguesa, filtraba o sol da tarde esparramando a luz polas esquinas. No chan, a porta entreaberta proxectaba a arquitectura da súa fenda como un ele de pó brillante e máxico atravesado ás veces polo impertinente zunido das moscas. Sentado nunha pequena mesa con dous caixóns cerrados a cada lado, o Pintor deixábase ir pola escritura, acumulando na retina prodixiosa personaxes e escenas coñecidas, realidade escura do pobo seu, o que elixira para vivir despois de recorrer medio mundo cos seus pinceis, o mesmo pobo no que viñera ao mundo había tantos anos.

Pechou a porta tras el e pareceulle que apagaba a luz da tarde. Sombras. Remuiños de nubes negras. Goián iluminado entre a cornisa malcornada da tarde; despois cego, xa dezanove anos de cegueira. O Demetrio, cabalgando no capitán, virado de costas ao cabezal, ao mundo. A Nimia mirando as súas alpargatas rotas escoitando os foguetes da festa onda esperaba o seu namorado. O Pepiño escapando cara ao Brasil ata que acordou que non lle dera de comer ás cabras. A puta Pulítica coma un pataco tirado ao aire. A esconxurada deixandose afogar no río sen embarrar as súas augas de cristal. Estrela a soñar que non era a criada dos Bahamonde. O fadista coa orella comida polos ratos, as beatas, o disque e os fillos de puta... Os fillos de puta... Os poemas-contos paseaban a súa mente máis que como retratos, como pinturas ou escenas cinematográficas onde a luz perfilaba as personaxes convertendoas en metáforas, reais e escuras, do seu pobo, de todos os pobos.

Regresaba absorto nos seus pensamentos sen escoitar os saludos dos que con él se cruzaban. Un pequeno sorriso moveulle a comisura dos beizos ao recordar que fora quen recomendara saír da casa e do pobo a aquel rapaz, había uns anos. Un pequeno sorriso ao recordar o seu cadro: Semana Santa, e os ollos atentos do aprendiz de escritor. Un pequeno sorriso e a promesa de responder aquel regalo con outro. Case sen pensar, o Pintor volveu os seus pasos cara ó estudio e comenzou a pintar o retrato de Eliseo Alonso.

3 comentarios:

  1. Anónimo24.3.08

    ¡Ben querido!
    ¡Seguro que o conto foi coma ti dis! Saúdos dende a capital da Gallaecia.

    Miss Tollo

    ResponderEliminar
  2. ¡Dios! pensei que era un blog exclusivo para sun iou miou e cólase unha miss de blog anonimo. Un saúdo. Por certo, nada do que aquí aparece ten que ver coa realidade, o que non significa que non sea certo, claro.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo28.3.08

    ¡As misses somos así!... un poco burras que temos que madar os comentarios como "anónimo" porque non damos feito... ¡que cruz!
    Encantada de serguirvos a pista e saver da xente... que o que se conta sexa verdade ou non, é o de menos.
    Saudiñossssssssss!!!
    Miss Tollo

    ResponderEliminar

                       De mi Banco de...              Para que no me olvi...              De Pancho Salmerón           ...