Chaman de casa, morreu Sil.
Eu pensei nas ribeiras sagradas que percorrín ao seu lado, en mañás de comer a neboa e tardes de durmir ao sol despois de camiñadas perseguindo cheiros de perdices. Podería debuxar nun mapa de Galicia, León e Trasosmontes, as serras, prados e camiños de pastor que andamos xuntos.
Xa non vou sentir como me recibe a petar co rabo no chan para que me achegue a agarimalo, como antes del fixera o Norés... Ás veces penso que percibimos a propia vellez mais no número de cans que nos van morrendo do que nos anos que pasaron.
ResponderEliminar