Souben da morte de Xavier Pousa onte, cando estaba en Barajas agardando para subir nun avión. Non me sorprendeu porque hai tempo que sabía do seu mal, pero causoume unha tristeza inmensa. É difícil aceptar a morte dun amigo aínda que se espere. Compartimos xuntos horas e horas, aquelas horas felices de hai máis de trinta anos, no Ourense de Vicente Risco, cando soñabamos tantas cousas. Desde o primeiro día que o vin, Pousa fascinoume como personaxe: rostro nobre, voz rexa, simpatía natural. Escoitarlle contar historias do Brasil era como ler unha novela de Jorge Amado, que el tamén lía, porque ademais de pintor era un gran lector. Aínda recordo o día que me regalou, na librería Tanco, o diario de Cesare Pavese, que aínda conservo.
A Pousa téñoo asociado desde sempre coa alegría: aquelas veladas nocturnas, absolutamente disparatadas, nas que el raramente perdía a calma, na casa de Xaime Quesada; as cenas de caldo e pan no Cadaia, máis por falar tranquilos que por comer; as conspiracións políticas, que moitas veces se mesturaban coas exposicións da súa pintura e dos seus compañeiros; as discusións interminables.
Nunca o vin enfadado nin triste, nin sequera as últimas veces que o atopei, cando xa estaba claro que a vida o abandonaba. Tiña unha serenidade como oriental, que non perdía nin no fragor das discusións máis apaixonadas, aínda sendo, como era, un home de grandes paixóns, non un home frío ou indiferente. Estouno vendo con aquel sorriso a media boca, con aquela maneira de falar na que xogaba tanto a mirada alzada cara adiante como as mesmas palabras que dicía. Falaba un galego precioso, de limpa fonética miñota, no que contaba aquelas historias fantásticas do Carallete e outros tipos de Goián ou da Guarda. Acordeime dalgunhas delas no avión e rin eu só. Rin porque a un amigo así, que amou a vida e que a recolleu palpitando nos seus lenzos, non se pode despedir doutra maneira.
Carlos Casares